Próximo concurso para a adxudicación de 7 vivendas e adxudicación das obras de Berbés 39-San Francisco 2

Fachada da promoción Elduayen 31.

Vigo, 24 de xulio do 2024.– O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) acaba de solicitar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a posta o marcha de senllos procesos de selección de adxudicatarios para optar a setes novas vivendas integradas nas promocións Subida ao Castelo 9 e Elduayen 31-Ferrería 16. Todas elas ofertaranse baixo a catalogación de Vivenda de Protección Autonómica para venda en réxime concertado.

A decisión, adoptada na reunión que este organismo celebrou esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, complementouse co acordo tomado polo Comité Executivo do mesmo organismo para a adxudicación das obras dunha nova promoción, Berbés 39-San Fracisco 2, que permitirá dispoñer nun futuro próximo de duas novas vivendas na contorna do Casco Vello vigués. A recuperación do edificio adxudicouse á empresa PRACE SERVICIOS Y OBRAS S.A. por un importe de 548.728,54 €, ive incluído.

Prezos

En relación ao primeiro dos temas, as solicitudes presentadas ao IGVS acompáñanse da proposta dos prezos de adxudicación de cada unha das vivendas, en función da súa superficie e outros criterios urbanísticos (altura, orientación…). Estes prezos propostos poderían experimentar lixeiros cambios no caso de producirse algunha variación nas superficies finais dos proxectos.

En concreto a valoración presentada para as dúas vivendas tipo tríplex da promoción Subida ao Castelo 9 son:

Vivenda A (87,76 m² útiles), 193.000 €.

Vivenda B (89,59 m² útiles), 197.000 €.

Respecto as cinco vivendas da promoción Elduayen 31-Ferrería 16, os valores presentados son os seguintes:

Vivenda 2A (55,44 m² útiles máis 4,27 m² de rocho), 125.000 €.

Vivenda 3A (58,22 m² útiles máis 4 m² de rocho), 132.000 €.

Vivenda 4 A (59,01 m² útiles mais 6,18 m² de rocho), 138.000 €.

Vivenda B (87,06 m² útiles), 185.000 €.

Vivenda C (107,07 m² útiles), 235.000 €.

Esta promoción inclúe unha sexta vivenda que permanece en reserva para o cumprimento doutras finalidades do CCVV.

 

 

O CCVV aproba a que será a súa décima adquisición na praza do Berbés

O edificio foi construido nos primeros anos do século pasado.

Vigo, 27 de xuño do 2024.- O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou a adquisición do edificio situado no número 27 da praza do Berbés que, de acordo con os obxectivos fundacionais deste organismo, será rehabilitado nun futuro próximo co ánimo de contribuír á recuperación desta zona para a cidadanía.

A edificación agora adquirida, por un importe de 278.000 euros, é un edificio de planta baixa e tres pisos cunha superficie construída, segundo a súa referencia catastral, de 642 metros cadrados. Aséntase sobre unha parcela de 190 m² na que existe tamén unha construción, dunha soa planta, con acceso desde a rúa Poboadores. Foi construído en 1900, aínda que o edificio ao longo do tempo experimentou varias reformas, entre elas o engadido dunha das plantas. Segundo a ficha do PEPRI Casco Vello de Vigo, o edificio ten un interese arquitectónico e histórico medio. A rehabilitación que se acometa deberá respectar varios elementos distintivos, especialmente o arco que configura o soportal que se abre cara á praza do Berbés, a fachada de pedra e os balcóns e varandas dos pisos superiores.

Esta adquisición é a décima efectuada polo CCVV na popular praza viguesa do Berbés. As mesmas permitiron a creación ata este momento de 6 vivendas, xa habitadas tras a súa adxudicación. A estas seis, situadas nos números 29, 31 e 41, sumaranse próximamente outras 2 procedentes da rehabilitación do edificio situado no número 39. Outros catro edificios foron cedidos polo Consorcio para a creación da sede urbana da Universidade de Vigo (na agrupación dos números 11,13 e 15) e do Albergue de Peregrinos de Vigo, promovido pola Consellería de Turismo da Xunta de Galicia, no número 5. O Consorcio adquiriu tamén o edificio situado no número 7, pendente aínda de rehabilitación.

 

Elduayen 39-Ferrería 16

Por outra banda, na mesma reunión do comité executivo, aprobouse a posta en marcha do proceso de adxudicación das obras da promoción Elduayen 39-Ferrería 16, que supoñerá a creación de 5 novas vivendas nesta céntrica zona da cidade. A actuación, que levará a cabo sobre a agrupación de dúas parcelas adquiridas polo CCVV en decembro de 2019 e de acordo con o proxecto presentado polo arquitecto Alfredo Sirvent Silveira, conta cun orzamento de execución, distribuído en dous exercicios, de 1.161.127,05 euros.

A reunión do órgano directivo do Consorcio serviu así mesmo para dar conta do inicio dos traballos de elaboración do plan de actuacións deste organismo para o período 2026-2030, unha vez que conclúa o actual, que abarca o período 2018-2025.

Iníciase o proceso de adxudicación do alugueiro do local situado en Real 13

Vigo, 17 de xuño do 2024.-   Coa publicación hoxe na plataforma SILEX o Consorcio Casco Vello de Vigo iniciou o proceso de adxudicación do alugueiro ,mediante concurso público, do local comercial resultante da rehabilitación acometida no número 13 da rúa Real.

Trátase dun local de 46,40 metros cadrados útiles situado na planta baixa do edificio, ao que corresponde tamén o uso exclusivo dun patio interior xerado na rehabilitación do edificio. De acordo con o prego de condicións que rexerá este concurso o prazo inicial do alugueiro fíxase en sete anos, prorrogables co acordo mutuo de ambas as partes ao final do mesmo. A renda mensual establecida para o alugueiro é de 150,63 € (1.807,56 € anuais).

Desde a súa creación en 2005 o CCVV creou ou rehabilitou 36 locais comerciais. Seis foron vendidos e outros vintenove -aos que pronto se sumará Real,13– atópanse ocupados en réxime de alugueiro por distintas empresas, tanto na zona alta como na zona baixa do barrio histórico da cidade.

Poesía e Teatro encherán o espazo cultural da asociación Évame Oroza

Vigo, 12 de xuño do 2024.- Poesía e teatro protagonizarán esta semana a actividade da asociación Évame Oroza, sen dúbida unha das grandes dinamizador da vida cultural en Vigo.

A programación iniciarase o vindeiro venres 14, ás oito da tarde, co recital que levarán a cabo as poetisas Nuria Vil e Lúa Mosquetera -acompañada polo músico Pablo Seijas-. Coa súa ampla experiencia escénica e a potencia dos seus recitados a intervención destas dúas poetisas supoñerá o inicio do festival de poesía e oralidade “Máis Alto que o Ceo”, un ciclo de recitais e actuacións que achegará ás instalacións da Asociación no Casco Vello (Subida á Costa, 5) algunhas das voces máis destacadas da poesía galega actual. O ciclo desenvolverase en seis sesións durantes os meses de xuño e xullo e, ademais das intervenientes no día de hoxe, tamén pasarán polo Casco Vello Marina Oroza, Ledicia Costas, María Lado, Estíbaliz Espinosa, Celso Fernández Sanmartín e a banda de rock progresivo Moloch.

Por outra banda, a partir do sábado 15 terá lugar na mesma sede de Évame Oroza un taller intensivo de Perfomance Art impartido pola artista arxentina Gabriela Cánaves. O taller, que axuntará a teoría e a práctica desta modalidade artística, desenvolverase ao longo dos días 15, 16 e 17 en sesións vespertinas entre as 17.00 e as 21.00 horas. As persoas interesadas en participar nesta actividade poden reservar a súa praza no correo [email protected] ou no teléfono 34677862693.

 

 

O Consorcio Casco Vello adxudica as obras dunha nova promoción na rúa San Sebastián

O proxecto aprobado permitirá a creación de dúas novas vivendas.

Vigo, 30 de maio do 2024.- O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou a adxudicación á empresa Excavaciones y Construcciones Laureano Covelo SA das obras de rehabilitación dos inmobles situados nas rúas San Sebastían 20 e Hortas 2-4, o que permitirá engadir dous novos elementos ao parque de vivendas rehabilitadas por este organismo. 

O orzamento para a construción destas dúas novas vivendas é de 715.000 euros (Ive incluído); está previsto que as obras se poñan en marcha no ultimo tramo deste ano e que queden finalizadas ao longo de 2025. O proxecto de rehabilitación foi elaborado polo estudo Castroferro que, partindo de varios inmobles contiguos de pequenas dimensións e moi mal estado de conservación, plantexan a creación de dúas vivendas unifamiliares cunha superficie útil lixeiramente superior cada unha delas aos 110 metros cadrados. Ambas contarán con tres dormitorios, dous baños, salón-comedor-cociña e zona de servizos. Tamén estarán dotados dun patio que, no caso da primeira vivenda, supera os 20 metros cadrados, que se reducen ata 8,5 na segunda.

Esta actuación supoñerá o retorno das rehabilitacións promovidas polo CCVV á rúa San Sebastián, na zona alta do Casco Vello, unha das que concentrou un maior número de intervencións deste organismo, que permitiron a recuperación de 11 edificios situados na mesma, aos que agora se suma o situado no número 20. No caso da rúa Hortas, o CCVV xa interviñera previamente en dous edificios. Neste momento o Consorcio Casco Vello ten en execución outras tres promociones: Ribeira do Berbés 39/San Francisco 2; Subida ao Castelo 9 e Elduayen 31. As dúas últimas atópanse xa nas súas últimas fases e espérase que en breve póidanse poñer en marcha os correspondentes procesos de adxudicación.

Por outra banda, na mesma reunión aprobouse o acordo que poñerá en marcha os traballos para a elaboración do plan de actuacións do Consorcio para o período 2026-2030.

Real 13

Con anterioridade ao Comité Executivo realizouse unha reunión do Consello de Administración do CCVV que acordou a posta en marcha do procedemento para a adxudicación, en réxime de alugueiro, do local creado tras a recuperación do edificio situado no número 13 da rúa Real. Conta cunha superficie útil de 46,40 metros cadrados e a súa renda anual será de 1807,56 €.

O Casco Vello Alto celebra este sábado unha nova edición da Verbena Market

Vigo, 29 de maio do 2024.–  A parte alta de zona máis histórica de Vigo prepárase para outro sábado de “moita jaranagrazas a unha nova edición da “Verbena Market, unha iniciativa da asociación veciñal Casco Vello Alto, que desde a súa aparición, fai agora dez anos, pretende reforzar os lazos veciñais e sociais entre os habitantes desta zona da cidade.

“Verbena Market” é unha mestura de actividades artísticas e comerciais na que ten especial protagonismo o pequeno comercio e artesáns (moitos deles instalados na zona) e na que non faltarán tampouco as actuacións de varios artistas nin os postos de alimentación e bebida.

A edición deste ano desenvolverase o sábado 1 de xuño, entre as 12:00 e as 20:00 horas na xa habitual contorna da rúa San Sebastián e a Praza do Abánico, como é coñecida popularmente aínda que se denominación oficial sexa a de Subida a Costa.

Participación

A repercusión desta actividade vén incrementando en cada unha das súas edicións ao que contribuirá este ano a colaboración de catro establecementos -As Flores de Greta, Blaurtopías, Rabuda Cerámica e Maxia na Manga- recentemente instalados no Casco Vello en locais recuperados tras distintas intervencións do Consorcio Casco Vello de Vigo.

 

 

Intensa semana cultural na Fundación Évame Oroza con tres novas actividades

Vigo, 20 de maio do 2024.- A intensa actividade cultural que vén levando a cabo a asociación Évame Oroza desde a súa instalación na súa sede do Casco Vello suma esta semana tres novas actividades que desenvolverán a partir do xoves 23.

Ese día, ás 19:30, terá lugar a terceira sesión do seu Cineforum, coa proxección da película filandesaCompartimento Nº6” , gañadora do premio do xurado do festival de Cannes no ano 2021. A proxección, gratuíta, irá seguida dun debate

Os actos que se desenvolverán o venres 24 e o sábado 25 están directamente relacionados coa figura de Carlos Oroza, cuxa difusión é un dos obxectivos básicos desta asociación. Ásí, o venres presentaranse os poemarios premiados na primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza. No acto estarán presentes os dous gañadores deste premio, Lupe Gómez e Morais Monterríos, e realizarase un pequeno recital para coñecer parte das obras gañadoras.

Roteiro

Finalmente, o sábado 25, a partir das 12:00 horas, realizarase un “roteiro Carlos Oroza” para dar a coñecer algúns dos lugares da cidade de Vigo máis vinculados á vida e á obra do poeta. A actividade comezará á hora citada detrás do museo Marco, onde se atopaba a cafetería Detrás do Marco, na que Oroza pasou moitas horas nos últimos anos da súa vida. A continuación os participantes nesta actividade desprazaranse ata o Casco Vello Alto, que tanto lle gustaban e inspiraban, para finalizar na sede da Fundación na rúa Subida a Costa, 5.

 

Évame Oroza aborda mañá a figura da escritora Luisa Villalta

Vigo, 29 de abril do 2024.- A escritora Montse Dopico presentará mañá, martes 30 de abril, na sede da fundación Évame Oroza no Casco Vello de Vigo, a súa obra “Abonda con vivir. Luisa Villalta”, na que aborda a biografía da autora á que este ano se dedica o Día das Letras Galegas. A formulación do libro, en forma de reportaxe a partir dos testemuños de diversas persoas que coñeceron a Luisa Villalta, é a dun ensaio literario e sociolóxico que analiza a súa obra a través dos temas presentes na mesma e a conexión destes con aspetos da súa vida.

A presentación dará comezo ás 19:00 horas e contará coa presenza, ademais da autora, das poetas Silvia Penas e María Lado e a actriz e directora teatral Marta Pérez.

No mesmo escenario o vindeiro venres 3 de maio, a partir das 19:30 horas, terá lugar un concerto do cantautor Pedro Román, no que baixo o título “Tras os meus pasos” trazará un percorrido persoal que chega aos nosos días e penétrase en proxectos futuros. No concerto participarán o guitarrista Pablo Vila e a escritora Susi Delatorre. Será traducido á linguaxe de signos por Alba Enríquez.

A entrada para os dous eventos é gratuíto ata completar aforo.

 

 

Novas actividades culturais da fundación “Évame Oroza” na súa sede do Casco Vello

Vigo, 17 de abril do 2024.- Vérsame” e “Festival Creativa” son as denominacións das dúas novas actividades culturais que esta semana se realizarán na sede que a fundación cultural “Évame Oroza” ten no Casco Vello de Vigo, en concreto na rúa Subida a Costa 5, popularmente coñecida como a Praza do Abánico

Vérsame” é unha actividade propia de Évame Oroza que celebra máñana, xoves 18, a partir das 20:00 horas, unha edición especial pero coa mesma filosofía das anteriores: ofrecer un simbólico micrófono aberto a todos aqueles desarrolladores de manifestacións artísticas (poesía, canción, relatos e outras) que queiran dar a coñecer a súa obra ante o público. Para participar tan só é necesario anotarse previamente no mesmo local.

Concertos

Por outra banda, o “Festival Creativa” é unha actividade impulsada pola galería viguesa Maraca e a revista Dot Galicia que se desenvolverá entre os días 19 ao 21 de abril na propia galería organizadora, o Marco e a sede de Évame Oroza. Os actos para desenvolver neste punto cultural do Casco Vello levarán a cabo o sábado 20 e consistirán en dous concertos. O primeiro deles terá lugar a partir das 12:00 horas e correrá a cargo do beatmaker vigués Zoomavi, que demostrará as posibilidades do sampler e os teclados cos que se acompaña na súa actuación.

A intérprete, docente e investigadora na área do canto tradicional galego Carme López protagonizará, a partir das 17:45 horas o segundo dos concertos. Durante o mesmo presentará o seu novo disco “Quintela”, primeiro con carácter experimental e que emprega a gaita como instrumento base.

 

 

 

 

 

Évame Oroza retoma a súa actividade con dúas novas actuacións culturáis esta semana

Vigo, 2 de abril do 2024.– A fundación Évame Oroza (Subida á Costa 5) acollerá esta semana dous novos eventos culturais cos que retoma a súa actividade tras a paréntese vacacional da Semana Santa. A primeira destas accións terá lugar o vindeiro xoves, día 4, a partir das 20,00 horas e consistirá na presentación do poemario “Voto de silencio”, da poetisa Andrea F. Maneiro. A autora estará arroupada nesta ocasión polo músico Manuel Dopico e pola escritora e tamén música Clara Pino. “Voto de Silencio” obtivo o IV premio de poesía Eduardo Pondal e está publicado pola editorial Medulia.

Ao día seguinte, venres 5, a partir das sete e media da tarde, no local da asociación cultural no Casco Vello Alto de Vigo, inaugurarase unha nova exposición: Nesta ocasión trátase da obra – exposta como un diálogo fotográfico coa poesía de Carlos Oroza – que o fotógrafo Jorge Lens presenta baixo o título de “Esclavos de nuestra sombra”.

 

 

 

Cinco establecimentos impulsan o primeiro “Roteiro de Artesanía no Casco Vello Alto”

Vigo, 27 de marzo do 2024.- Cinco establecementos do Casco Vello Alto de Vigo e as súas inmediacións organizan o próximo día 5 de abril o primeiro Roteiro de Artesanía do Casco Vello”, con motivo da iniciativa “Días Europeos da Artesanía”. Nesa data, entre as cinco e as sete da tarde, os responsables destes locais realizarán unha xornada de portas abertas na que todos aqueles interesados poderán coñecer en directo os distintos procesos artesanais que levan a cabo nos mesmos.

Os cinco establecementos que colaboran con esta nova actividade de dinamización da zona do Casco Vello dedícanse a distintos campos da artesanía con diferentes materiais e procedementos. En concreto, este primeiro roteiro participarán:

NAI DESEÑOS” (Avda. Camelias ,15) especialiazado en Macramé contemporáneo;

MARIO LÓPEZ” (Rúa Pracer, 13), dedicado á xoiería e a cerámica artística;

“LAS FLORES DE GRETA(Rúa Abeleira Menéndez, 11) , pioneiro na zona na técnica do Ecoprint;

BLAURTOPIAS(Rúa Cruz Verde, 12), centrado na serigrafía, ilustración e cerámica e

RABUDA(Rúa Cruz Verde, 5), dedicado á cerámica artística.

Todos eles crearon mesmo un mapa que sirva como guía desta actividade que pode ser consultado nesta ligazón: mapa

Cabe sinalar que os tres últimos establecementos ocupan locais ofertados polo Consorcio Casco Vello de Vigo no seu último concurso de alugueiros de establecementos comerciais; estes locais foron creados en rehabilitacións de edificios levadas a cabo por este organismo.

Artesanía Casco Vello Alto Vigo

 

O Consorcio aproba a contratación das obras no bloque San Sebastián 20-Hortas 2-4

Vigo, 29 de febreiro do 2024.- O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou a posta en marcha do expediente de contratación das obras da promoción San Sebastián 20-Hortas 2-4, que permitirá a creación de dúas novas vivendas na zona alta do barrio histórico vigués. No citado expediente sinálase que o orzamento base de execución do proxecto, elaborado polo estudo Castroferroarquitectos, será de 651.128,41 € (máis ive) e que as obras se desenvolverán, unha vez adxudicada a contratación, durante os exercicios 2024 e 2025.

A intervención dará lugar a duas novas vivendas.

As dúas vivendas unifamiliares resultantes distribuiranse nun solar de 176,82 metros cadrados, resultante da agregación de varias propiedades adquiridas polo Consorcio en 2021. A primeira das vivendas contará con dous dormitorios, salón-comedor-cociña, dous baños e zonas de servizo ata alcanzar unha superficie útil de 116,74 metros cadrados. A eles haberá que sumar un patio de case 22 m 2. A segunda vivenda, do mesmo xeito que a anterior distribuída en dúas plantas, estará dotada de tres dormitorios, salón-cocina-comedor, dous baños e zonas de servizo para completar unha superficie útil de 111,34 m2 á que hai que engadir un pequeno patio de 8,92 m².

Retorno

Esta rehabilitación supón o retorno das intervencións do Consorcio Casco Vello á zona da rúa de San Sebastián, onde levou a cabo unha serie de importantes actuacións nos primeiros anos da súa actividade. Nestes momentos o CCVV ten en marcha, ademais desta promoción, dúas intervencións nas rúas Elduayen 31 e Subida ao Castelo 9 ás que proximamente se engadirán dúas licitacións en Praza do Berbes 39-San Francisco 2 e Elduayen 39 , que permitirán a incorporación nos próximos meses de 15 novas residencias ao parque de vivendas da zona.

 

 

O Casco Vello acogerá un concerto poético o vindeiro venres 16

Vigo, 14 de febreiro do 2024.- O venres 16 de febreiro, ás 19:30 horas, Pablo Vila levará ao local da  asociación Évame Oroza o espectáculo “El sueño y el eco”, un recital poético-musical con guitarra (acústica e flamenca) co que rende homenaxe a grandes nomes da poesía de todos os tempos. Quevedo, Rosalía de Castro, Juan Ramón Jiménez, Ernestina Champourcín ou Lorca, entre outros, danse cita neste espectáculo no que o cantautor comparte conversas íntimas cos poetas protagonistas, para despois interpretar algún dos seus poemas en forma de canción. Unha maneira diferente, amena e chea de sensibilidade de achegarse á poesía.  

 

A fotógrafa e poetisa Sol Mariño expoñerá a súa obra a partir do venres na sede de Évame Oroza

Vigo, 7 de febreiro do 2024.- A exposición da fotógrafa e poetisa Sol Mariño “Nada me pertence, tudo faz parte de min”, será inaugurada o vindeiro venres, día 9, a partir das sete e media da tarde, na sede que a asociación cultural Évame Oroza ten no Casco Vello Alto (Subida a Costa 5). Con este motivo, e a partir desa hora, desenvolverase un evento cultural denominado “Ás alas de serpe” que unirá a poesía de Sol Mariño coas interpretacións musicais de Pablo Caamiña (zanfona) e Marta Seco (violín).

Na mostra fotográfica “Nada me pertence, tudo faz parte de mín”, que poderá ser visitada de luns a venres, entre as 16:30 e as 20:00 horas, ata mediados de marzo, Sol Marino recolle un percorrido vital no que a colleita da mirada devórase e fai camiño. Pegadas dunha autobiografía en analóxico, que vai desde o 2011 ao 2022, trazando círculos entre a Galicia e Brasil, os bosques, o alimento, o territorio e o fogar, fóra e dentro do corpo. A mostra vincúlase profundamente co seu poemario “As alas da serpe”.

Sol Mariño (1986), formada en Comunicación Audiovisual e Fotografía, dedícase á serigrafía téxtil, a fotografía e a pintura mural. En 2023 publica “As alas da serpe” (Aira, 2023) o seu primeiro poemario editado, a partir do cal xorde unha performance poético-musical, coa súa voz narradora e os instrumentos de Pablo Caamiña (guitarra, zanfona, caixa de música) e Marta Seco (violín e voz).

 

Xaime Fandiño presentará mañá a súa nova novela na sede de Évame Oroza no Casco Vello

 

Vigo, 30 de xaneiro do 2024.- O escritor Xaime Fandiño presentará mañá, mércores 31 de xaneiro , a partir das 19:30 horas, a súa nova novela, “El último concierto” nun acto que se desenvolverá na sede a fundación cultural Évame Oroza na rúa Subida á Costa 5, no Casco Vello Alto de Vigo. Ademais do autor, a presentación contará coa presenza do editor, Xabier Romero, e dos actores Manuel Manquiña e Antonio Durán “Morris”.

El último concierto” , segundo a información remitida pola editorial Elvira, responsable da publicación, “trata de reivindicar a heteroxeneidade e o dereito para decidir en calquera momento do periplo vital, sexas novo, vello, maduro ou intermedio, porque a vida está chea de oportunidades e os nosos canallas protagonistas non están para desaproveitar nin un minuto da súa existencia. Unha road movie infestada de humor acedo que che sorprende en cada páxina; pois sempre pode ocorrer algo que nin che imaxinas porque a vida é así”.

Xaime Fandiño é un referente no panorama audiovisual de Galicia desde que nos anos 80 participase na posta en marcha da TVG tanto en tarefas de realización como na creación e dirección de varios programas. Vinculado tamén ao mundo universitario a súa xubilación en 2016 non supuxo ningún freo ao seu afán creativo xa que na actualidade segue vinculado ao mundo da comunicación a través da súa colaboración en distintos medios escritos e audiovisuais así como pola súa actividade como novelista.