O Consorcio aproba a contratación das obras no bloque San Sebastián 20-Hortas 2-4

Vigo, 29 de febreiro do 2024.- O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou a posta en marcha do expediente de contratación das obras da promoción San Sebastián 20-Hortas 2-4, que permitirá a creación de dúas novas vivendas na zona alta do barrio histórico vigués. No citado expediente sinálase que o orzamento base de execución do proxecto, elaborado polo estudo Castroferroarquitectos, será de 651.128,41 € (máis ive) e que as obras se desenvolverán, unha vez adxudicada a contratación, durante os exercicios 2024 e 2025.

A intervención dará lugar a duas novas vivendas.

As dúas vivendas unifamiliares resultantes distribuiranse nun solar de 176,82 metros cadrados, resultante da agregación de varias propiedades adquiridas polo Consorcio en 2021. A primeira das vivendas contará con dous dormitorios, salón-comedor-cociña, dous baños e zonas de servizo ata alcanzar unha superficie útil de 116,74 metros cadrados. A eles haberá que sumar un patio de case 22 m 2. A segunda vivenda, do mesmo xeito que a anterior distribuída en dúas plantas, estará dotada de tres dormitorios, salón-cocina-comedor, dous baños e zonas de servizo para completar unha superficie útil de 111,34 m2 á que hai que engadir un pequeno patio de 8,92 m².

Retorno

Esta rehabilitación supón o retorno das intervencións do Consorcio Casco Vello á zona da rúa de San Sebastián, onde levou a cabo unha serie de importantes actuacións nos primeiros anos da súa actividade. Nestes momentos o CCVV ten en marcha, ademais desta promoción, dúas intervencións nas rúas Elduayen 31 e Subida ao Castelo 9 ás que proximamente se engadirán dúas licitacións en Praza do Berbes 39-San Francisco 2 e Elduayen 39 , que permitirán a incorporación nos próximos meses de 15 novas residencias ao parque de vivendas da zona.

 

 

O Casco Vello acogerá un concerto poético o vindeiro venres 16

Vigo, 14 de febreiro do 2024.- O venres 16 de febreiro, ás 19:30 horas, Pablo Vila levará ao local da  asociación Évame Oroza o espectáculo “El sueño y el eco”, un recital poético-musical con guitarra (acústica e flamenca) co que rende homenaxe a grandes nomes da poesía de todos os tempos. Quevedo, Rosalía de Castro, Juan Ramón Jiménez, Ernestina Champourcín ou Lorca, entre outros, danse cita neste espectáculo no que o cantautor comparte conversas íntimas cos poetas protagonistas, para despois interpretar algún dos seus poemas en forma de canción. Unha maneira diferente, amena e chea de sensibilidade de achegarse á poesía.  

 

A fotógrafa e poetisa Sol Mariño expoñerá a súa obra a partir do venres na sede de Évame Oroza

Vigo, 7 de febreiro do 2024.- A exposición da fotógrafa e poetisa Sol Mariño “Nada me pertence, tudo faz parte de min”, será inaugurada o vindeiro venres, día 9, a partir das sete e media da tarde, na sede que a asociación cultural Évame Oroza ten no Casco Vello Alto (Subida a Costa 5). Con este motivo, e a partir desa hora, desenvolverase un evento cultural denominado “Ás alas de serpe” que unirá a poesía de Sol Mariño coas interpretacións musicais de Pablo Caamiña (zanfona) e Marta Seco (violín).

Na mostra fotográfica “Nada me pertence, tudo faz parte de mín”, que poderá ser visitada de luns a venres, entre as 16:30 e as 20:00 horas, ata mediados de marzo, Sol Marino recolle un percorrido vital no que a colleita da mirada devórase e fai camiño. Pegadas dunha autobiografía en analóxico, que vai desde o 2011 ao 2022, trazando círculos entre a Galicia e Brasil, os bosques, o alimento, o territorio e o fogar, fóra e dentro do corpo. A mostra vincúlase profundamente co seu poemario “As alas da serpe”.

Sol Mariño (1986), formada en Comunicación Audiovisual e Fotografía, dedícase á serigrafía téxtil, a fotografía e a pintura mural. En 2023 publica “As alas da serpe” (Aira, 2023) o seu primeiro poemario editado, a partir do cal xorde unha performance poético-musical, coa súa voz narradora e os instrumentos de Pablo Caamiña (guitarra, zanfona, caixa de música) e Marta Seco (violín e voz).

 

Xaime Fandiño presentará mañá a súa nova novela na sede de Évame Oroza no Casco Vello

 

Vigo, 30 de xaneiro do 2024.- O escritor Xaime Fandiño presentará mañá, mércores 31 de xaneiro , a partir das 19:30 horas, a súa nova novela, “El último concierto” nun acto que se desenvolverá na sede a fundación cultural Évame Oroza na rúa Subida á Costa 5, no Casco Vello Alto de Vigo. Ademais do autor, a presentación contará coa presenza do editor, Xabier Romero, e dos actores Manuel Manquiña e Antonio Durán “Morris”.

El último concierto” , segundo a información remitida pola editorial Elvira, responsable da publicación, “trata de reivindicar a heteroxeneidade e o dereito para decidir en calquera momento do periplo vital, sexas novo, vello, maduro ou intermedio, porque a vida está chea de oportunidades e os nosos canallas protagonistas non están para desaproveitar nin un minuto da súa existencia. Unha road movie infestada de humor acedo que che sorprende en cada páxina; pois sempre pode ocorrer algo que nin che imaxinas porque a vida é así”.

Xaime Fandiño é un referente no panorama audiovisual de Galicia desde que nos anos 80 participase na posta en marcha da TVG tanto en tarefas de realización como na creación e dirección de varios programas. Vinculado tamén ao mundo universitario a súa xubilación en 2016 non supuxo ningún freo ao seu afán creativo xa que na actualidade segue vinculado ao mundo da comunicación a través da súa colaboración en distintos medios escritos e audiovisuais así como pola súa actividade como novelista.

Évame Oroza conmemorará o vindeiro venres o primeiro ano de funcionamiento na súa sede do Casco Vello

Vigo, 23 de xaneiro do 2024.- Xoves e venres desta semana volven ser datas sinaladas, unha delas especialmente, no calendario de actividades da Asociación Cultural Évame Oroza. E é así porque en ambas as datas desenvolveranse senllas accións culturais, pero no caso do venres esta terá o valor engadido de ser en realidade unha conmemoración do primeiro ano de actividade do novo local desta asociación no Casco Vello, en concreto na rúa Subida á Costa, 5.

Pero vaiamos por partes; primeiro, o xoves 25, a partir das sete e media da tarde no citado local levarase a cabo a presentación do libro Fenómeno Fan, obra na “que conflúen a arte literaria de Clara Pino e o pictórico de Xavier MagalhaesO acto será tamén un evento multicultural, con música e poesía en vivo.

 

CREACIÓN

E o venres 26 conmemorarase, como anunciabamos antes, o primeiro aniversario da posta en marcha da nova sede de Évame Oroza. Para iso os responsables desta organización deseñaron un acto aberto a todas aquelas persoas que desexen sumarse -a partir das 19:00 horas- á efeméride na que a gran protagonista será a CREACIÓN. Para iso contan coa colaboración de Silvia Penas, Clara do Roxo, Alberto Avendaño, Francesca d`A Silva, Orisel Gaspar, Pedro Román, Samuel Merino e María Ledo, cada un deles vinculados a unha especialidade artística diferente (poesía, debuxo, música, narrativa) aos que os asistentes ao acto poderán encargar en directo algunha mostra do seu traballo co tema e a historia que o invitado desexe. E como, aínda que as musas estean tamén convidadas a o evento, o cumprimento de cada petición levará certo tempo a espera amenizarase con algún brinde, a conversación co resto dos invitados e os organizadores e o repaso aos mellores momentos deste primeiro ano de actividade de Évame Oroza.

“Mar Alleo”, unha exposición fotográfica colectiva, inicia a actividade de Évame Oroza en 2024

Vigo, 12 de enero do 2024.-  A sede da Asociación Cultural Évame Oroza no Casco Vello (Subida á Costa, 5) comeza a súa actividade cultural do novo ano coa presentación mañá, sábado 13, a partir das 19:30 horas da exposición fotográfica colectiva “Mar Alleo.

Trátase da exposición conxunta dos fotográfos Luis Basilio, Yatir Fernández e Ana Beiras na que cada un deles mostra a perspectiva que ten fronte o mar e “tentar demostrar como o conxunto do observado por cada suxeito compón a nosa colectividade”.

A exposición permanecerá aberta ata principios do mes de febrero en horario vespertino, de 16:30 a 20:00 horas.

 

O festival por excelencia comeza a vivirse en Vigo cunha nova edición do Eurovisión Petard Pop Party

Vigo, 10 de enero do 2024.-  O Casco Vello de Vigo, en concreto a rúa Oliva, acollerá o vindeiro sábado, 13 de xaneiro, unha nova edición da Eurovisión Petard Pop Party, unha das actividades paralelas xeradas en torno ao Festival de Eurovisión que, sen dúbida, conta cun maior predicamento en toda Galicia e Norte de Portugal.

Imaxe dunha edición previa do Eurovisión Petard Pop Party

Así, o pub Plaff, situado en Oliva 8, acollerá unha videosesión de cinco horas de recompilación dos mellores momentos do icónico festival da canción europea. A festa, que se organiza como antesala do próximo Benidorm Fest -no que se escollerá ao representante español na edición deste ano do Festival de Eurovisión-, comezará ás 22:00 horas e as entradas poderán ser adquiridas, ao prezo de 12 euros con dereito a algún tipo de consumición, na mesma entrada do local. 

Como en edicións anteriores un intérprete vinculado ao fenómeno eurovisivo participará neste encontro. Nesta ocasión a artista convidada será Brequette Cassie, que estivo a piques de representar a España na edición de 2014 do Festival de Eurovisión, ao quedar empatada a puntos coa finalmente selecciónada, Ruth Lorenzo. Ao seguinte ano, e como membro do coro que acompañou a Barei durante a súa interpretación, Brequette tivo ocasión de vivir en directo o desenvolvemento do que sen dúbida se converteu nun dos fenómenos musicais máis singulares en boa parte do mundo. A carreira musical da invitada no Petard Pop Party continuou ata converterse nunha das voces titulares do espectáculo Wah Show, que desde hai anos triunfa no escenario creado no Ifema de Madrid.

 

 

Dúas actividades vinculadas á poesía poñen fin á programación de Évame Oroza en 2023

Vigo, 19 de decembro de 2023.- A poesía será a protagonista da programación cultural que a asociación Évame Oroza levará a cabo esta semana na súa sede do Casco Vello de Vigo (Rúa Subida a Costa, 5).

Serán, en concreto, dúas actividades que se inician hoxe mesmo, ás 19:30 horas, coa presentación do libro “Claustro Corda Comensal”, de Samuel Merino. A obra do poeta de Mos, nacido en 1982, acaba de ser publicada pola editorial Galaxia e recolle novamente o ton íntimo e en aparencia autorreferencial que ata o momento caracterizou a súa poesía. As referencias do propio autor permiten identificar o espazo no que se desenvolve este poemario como un psiquiátrico no que se desenvolve o eu póetico do autor, que “xoga coa dimensión do interior cando o mundo espera fóra, é unha porta que se abre á memoria e unha crónica, unha reflexión sobre o corpo propio e as pantasmas que o rodean”.

Nesta presentación Samuel Merino estará acompañado de María Lado que, precisamente, será a protagonista da segunda actividade programada por Évame Oroza. A poetisa, acompañada de Oriana Méndez, realizarán unha lectura de poemas propios no local desta asociación cultural, a modo de despedida e festexo lírico antes de finalizar o ano. O acto terá lugar o xoves 21, a partir das 21:00 horas.

 

 

 

Tres novas accións culturais na sede de Évame Oroza

Vigo, 13 de decembro do 2023.– A sede da fundación cultural Évame Oroza no Casco Vello de Vigo (Rúa Subida a Costa, 5) acollerá esta semana tres novas actividades culturais. A primeira delas terá lugar mañá mesmo, xoves 14 de decembro, a partir das 20:00 horas, e correrá a cargo da artista arxentina e galega Gaba Cánaves Miñones. Presentada baixo o título “Retazos de tiempo”, trátase dunha acción audiovisual que a autora define como unha “colaxe audiovisual para unha odisea secular” e pretende, partindo da súa propia experiencia como neta de de exiliados do franquismo, converterse nun punto de partida para que o público comparta as súas propias historias familiares transoceánicas de emigración e exilio. As mesmas plasmaranse en distintos formatos e cada participante elaborará un barco de papel como resumo desas experiencias que finalmente, e como “acción poética transversal”, serán lanzados ao mar.

O venres 15, á mesma hora, inaugurarase a exposición fotográfica “El Barranco”, da fotógrafa galega Sara Priego. Trátase dunha mostra de imaxes en pequeno formato coa que a artista propón unha exploración das emocións nun proceso que se desenvolve ao longo dunha ano. A exposición permanecerá aberta ata o 15 de xaneiro do próximo ano.

Finalmente o sábado 16, ás 12:00 horas do mediodía, presentarase o libro “José Afonso. O triángulo máxico na súa vida e obra”, de Paulo Esperança. O acto contará, ademais de con o propio autor, coas intervencións do actor Gil Filipe e o xornalista Xan Carballa, así como coas participacións musicais de Su Garrido, Xán López e Xicode Cariño.

 

 

Évame Oroza inaugurará o próximo venres unha nova exposición no seu local de Subida á Costa, 5

Vigo, 8 de novembro do 2023.- Nos límites da lucidez. Oroza”, do pintor Yurihito Otsuki, é o título da exposición que a fundación cultura Évame Oroza inaugurará o vindeiro venres, 10 de novembro, a partir das 20,00 horas, no seu local do Casco Vello Alto de Vigo situado na rúa Subida á Costa, 5. Otsuki, nacido en Xapón, pero residente en San Lorenzo del Escorial (Madrid) desde hai décadas, foi amigo do poeta galego co que colaborou na ilustración dalgunha das súas obras.

Esta é só una das actividades que a asociación Évame Oroza acometerá ao longo deste mes xa que para o próximo día 17 de novembro está programada a entrega de premios aos gañadores da primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza. Os galardoados foron, en obras escritas en galego, Lupe Gómez, co poemario Herbario noite pechae, en obras en castelán, o poeta chileno Montero Monterríos, co libro “Carbono 14”. Ademais, no mesmo acto farase un recoñecemento público a Amancio Prada como responsable da Mellor Iniciativa Musical de Divulgación da Poesía e realizarase a presentación pública do libro “Oroza 100”, no que máis de cen persoas relacionadas coa cultura e a figura do poeta Carlos Oroza colaboran con textos e obra gráfica.

 

 

 

Mención nos Premios Galicia de Arquitectura 2023 ao edificio Redeiras

O edificio inaugurouse en maio de 2021.

Vigo, 7 de novembro d0 2023.- O edificio Redeiras, situado na praza do Berbés e construído pola Universidade de Vigo, grazas a un contrato de cesión de superficie de tres edificios propiedade do CCVV, obtivo unha mención nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa convocatoria de 2023. Este recoñecemento, na categoría de Rehabilitación, baséase, segundo reflíctese na páxina que explica a adxudicación dos distintos galardóns, na valoración por parte do xurado de “que se trata dun edificio dotacional, innovador no uso descarado da madeira e dunha complexidade estrutural morfolóxica notable, cun importante peso da memoria histórica da cidade”.

O edificio Redeiras é, sen dúbida, una das achegas arquitectónicas máis singulares no labor de recuperación do Casco Vello de Vigo para a cidadanía abordada nas últimas dúas décadas por distintos axentes, entre eles o CCVV. Concibido pola Universidade de Vigo como un medio de achegar a súa actividade á contorna urbana os responsables do seu deseño expuxérono como unha fusión entre a madeira, un elemento vinculado á zona do Berbés pola súa tradición naval, e a pedra, presente desde a aparición deste barrio, especialmente nos seus populares soportais que a obra agora recoñecida mantén. O resultado é, segundo os seus creadores, “unha caixa dentro doutra: madeira e pedra”.

A construción, exteriormente caracterízase pola súa rompedora fachada oeste, na que, sobre o soporte das partes pétreas que aínda se conservaban dos edificios preexistentes, completouse a altura autorizada mediante unha celosía de piares de madeira laminada que “integra estrutura, protección solar e imaxe nun só elemento coa verticalidade suxerida pola normativa e o sinal dun edificio institucional”. A mesma solución, convenientemente alixeirada por mor da complexidade urbana da contorna nesa zona e da menor incidencia solar, adóptase na fachada este de a construción.

CAPÍTULO I
ORGANIZACIÓN

Artigo 10. Órganos

A estrutura organizativa do Consorcio constitúena os seguintes órganos:

a) Presidencia do Consorcio.

b) Vicepresidencia.

c) Consello de Administración.

d) Comité Executivo.

e) Xerencia.

Publicado en Sen categorizar

De acordo con os Estatutos do Consorcio Casco Vello de Vigo, modificados pola ORDE do 20 de decembro de 2012 da Xunta de Galicia, a estrutura organizativa do CCVV é a seguinte:

 

Artigo 10. Órganos

A estrutura organizativa do Consorcio constitúena os seguintes órganos:

a) Presidencia do Consorcio.

b) Vicepresidencia.

c) Consello de Administración.

d) Comité Executivo.

e) Xerencia.

 

Artigo 11. Designación

1. A Presidencia do Consorcio será exercida pola persoa titular da consellería con competencias en materia de vivenda, podendo este nomear a outra persoa para desempeñar o cargo que, en todo caso, debe recaer nun membro do consello.

2. Desempeñará a vicepresidencia un membro do consello en representación do Concello de Vigo.

Artigo 12. Atribucións da Presidencia

Correspóndenlle á Presidencia do Consorcio as seguintes atribucións:

a) Exercer a representación legal e institucional do Consorcio ante calquera entidade e institución de dereito público ou privado, así como persoa física ou xurídica e conferir as autorizacións de representación necesarias.

b) Presidir as reunións do Consello de Administración, ordenar a convocatoria das súas sesións, fixar a orde do día e dirixir as deliberacións.

c) Velar polo exacto cumprimento dos preceptos dos estatutos, dos acordos adoptados polo Consello de Administración e, en xeral, das normas legais aplicables en cada caso.

d) Exercer, nos casos de urxencia, as accións xudiciais e administrativas precisas para a defensa dos dereitos do Consorcio, dándolle conta ao Consello de Administración na primeira sesión que teña lugar.

e) Autorizar e dispoñer os gastos correntes incluídos no orzamento ata o límite máximo que se determine nas bases de execución do orzamento en cada exercicio. Aceptar as subvencións, dándolle conta ao Consello de Administración. Actuará como órgano de contratación naqueles contratos cuxo prezo non supere os 60.000 euros.

f) Recoñecer e liquidar obrigas e ordenar pagamentos.

g) Aprobar transferencias e xeracións de créditos nas contías que determine o Consello de Administración.

h) Aprobar a liquidación do orzamento e a incorporación de remanentes.

i) Inspeccionar os servizos do consorcio e exercer a alta xefatura administrativa.

j) Autorizar, co seu visto e prace, as actas das reunións, as certificacións e as contas e inventarios de bens.

Artigo 13. Atribucións da Vicepresidencia

O vicepresidente substituirá o presidente na totalidade das súas funcións nos casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

Así mesmo, asumirá as atribucións da presidencia que con carácter temporal ou permanente lle sexan expresamente delegadas pola Presidencia.

Sección 2ª. Consello de Administración

Artigo 14. Función e composición

1. O Consello de Administración é o órgano colexiado superior que goberna e dirixe o Consorcio e establece as súas directrices de actuación.

2. O Consello de Administración estará composto por representantes das entidades consorciadas, de acordo coa seguinte distribución:

A persoa que exerza a Presidencia.

O/a concelleiro/a que exerza a competencia de urbanismo no ámbito do casco vello.

Tres concelleiros representantes do Concello de Vigo, elixidos polo Pleno en representación dos partidos políticos con presencia na Corporación municipal.

Catro representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo designados pola súa Presidencia.

3. As entidades consorciadas designarán as persoas suplentes da súa representación no Consello de Administración, que substituirán as titulares en caso de inasistencia.

4. Asistirán con voz pero sen voto ás sesións do Consello de Administración o xerente, o secretario e o interventor do Consorcio.

5. O cargo de conselleiro non será retribuído, sen prexuízo das indemnizacións por asistencia ás sesións dos órganos colexiados que o Consello de Administración poida determinar.

Artigo 15. Competencias do Consello de Administración

1. Correspóndenlle ao Consello de Administración as seguintes competencias:

a) Exercer o goberno e a dirección superior de todos os servizos do consorcio.

b) Aprobar inicialmente e propoñerlles ás administracións consorciadas/asociadas as modificacións dos estatutos do Consorcio e das achegas dos seus membros.

c) Aprobar a incorporación de novos membros do Consorcio, así como a separación e a fixación da súas achegas, establecendo as condicións en que deberá levarse a cabo a dita incorporación e separación.

d) Aprobar a proposta dirixida ás administracións consorciadas/asociadas para a disolución do Consorcio e acordar, de ser o caso, a liquidación e distribución do seu patrimonio de acordo cos presentes estatutos e a lexislación aplicable.

e) Aprobar o regulamento orgánico e de funcionamento interno do Consorcio.

f) Aceptar as funcións encomendadas ao Consorcio por parte das entidades consorciadas ou de calquera Administración pública.

g) Aprobar o orzamento anual do Consorcio, os plans e programas de actuación, investimento e financiamento.

h) Aprobar as contas anuais previstas na lexislación vixente.

i) Establecer a estrutura organizativa dos servizos do Consorcio de acordo cos criterios de eficacia e eficiencia, que coadxuve á consecución dos fins do Consorcio.

j) O seguimento, avaliación e control da actividade do Consorcio e do cumprimento dos compromisos adoptados polos seus membros.

k) Designar e cesar o xerente e determinar as condicións para a prestación dos seus servizos por proposta do presidente.

l) Aprobar o cadro de persoal, a relación de postos de traballo existentes na súa organización, as bases das probas para a selección de persoal, os concursos de provisión de postos de traballo e a oferta de emprego do consorcio, todo isto de conformidade coa normativa vixente.

m) Actuar como órgano de contratación naqueles contratos cuxo prezo supere os 60.000 euros.

n) Autorizar e dispoñer gastos dentro dos límites orzamentarios determinados nas bases de execución do orzamento anual.

ñ) Recibir, facerse cargo e administrar, coas limitacións que a lexislación vixente estableza, os bens do consorcio, así como os procedentes de legados ou doazóns.

o) Adquirir e allear toda clase de bens mobles e inmobles no ámbito dos fins propios do consorcio.

p) Aprobar o exercicio de toda clase de accións administrativas e xudiciais.

q) Concertar operacións de crédito a medio e longo prazo, así como operacións de tesouraría.

r) Establecer as indemnizacións pola asistencia ás sesións dos órganos colexiados do Consorcio.

s) Calquera outra competencia que non estea atribuída especificamente a outros órganos.

Sección 3ª. Comité Executivo

Artigo 16 . Composición

O Comité Executivo do Consorcio, como órgano de asistencia permanente á presidencia no exercicio das súas funcións, estará integrado por:

O/a presidente/a do Consorcio.

O/a vicepresidente/a.

Dous representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo e un representante do Concello de Vigo, membros todos do Consello de Administración.

Ás súas sesións asistirán, con voz pero sen voto, o/a secretario/a, o/a interventor/a e o/a xerente/a.

Funcións

1. O fin esencial do Consorcio é levar a cabo, de acordo coas previsións do Plan especial de protección e reforma interior (PEPRI) do Casco Vello de Vigo, unha serie de actuacións e intervencións que contribúan ao proceso de recuperación da súa Área de Rehabilitación Integrada (ARI), mediante a adquisición de terreos ou mediante a adquisición de construcións para a súa posterior rehabilitación, ou calquera actividade que poida ter por obxecto a rehabilitacion do casco vello.

A rehabilitación dos inmobles realizarase tendo en conta que terán como destino prioritario o de vivendas preferentemente acollidas a algún réxime de protección pública. En todo caso, algúns inmobles poderanse destinar a outros usos ou dotacións públicas.

2. Serán actuacións do Consorcio:

a) Xestionar a adquisición dos edificios e soares.

b) Contratación da redacción dos proxectos de rehabilitación e urbanización.

c) Contratación da execución das obras de rehabilitación, construción e urbanización.

d) Contratación das obras de urbanización e adecuación dos espazos resultantes.